30/3/12

Día do Libro Infantil e Xuvenil nas Bibliotecas

O 2 de abril celébrase o Día Internacional do Libro Infantil que conmemora o nacemento do célebre escritor de obras infantís Hans Christian Andersen, por este motivo as Bibliotecas Municipais de Oleiros organizan para este día unha serie de actividades de fomento da lectura:

"Bookcrossing"
Na Biblioteca Central Rialeda en Perillo, a Biblioteca  Municipal  Rosalía de Castro de Santa Cruz, a Biblioteca  Municipal Mª José Ruso de Dorneda, a Biblioteca  Municipal Mª José Trincado de Mera e a Biblioteca Municipal Manuel María de Oleiros durante o día 2 de abril presentamos esta actividade na que terás que "liberar libros".
Como?... pois engadindo unha etiqueta BookCrossing aos libros que desexes liberar (traendo da túa casa) ou ao que che proporcionaremos na biblioteca ese día.



Previamente terás que rexistralo en http://www.bookcrossing.com para localizar a ruta que vai seguindo e a qué lugar do mundo vai parar. Faremos así do mundo unha gran biblioteca...

Pola súa banda, na  Biblioteca Municipal “Xograr Mendiño” de Lorbé terás as seguintes actividades:

“Troco de libros"
Se tes libros que non utilizas e están en bo estado, podes achegalos á biblioteca onde poderás depositalos levando a cambio outros que teñan aportado outros usuarios/as.

 “Atopa o libro pantasma”
Partindo de 6 libros de diferentes autores/as e temática. Cando remates de ler cada un deles, atoparás unha pista que che levará ao seguinte, pero pensa que terás que lelos todos para descubrir o libro pantasma.

"Creamos un libro”
Escribiremos entre todos e todas un libro partindo dun conto clásico.

“Libros orixinais”
Seleccionamos para tí unha serie de libros diferentes ou novidosos dentro da literatura infantil, contos que pola súa temática, estética, forma, ou xeito de ser narrados son "algo máis".

Recomendacións en Radioleiros: 30 de marzo



- Infantil:

A caza do ghazafello, Libro-disco con texto de Denis M (Denis López Horro), música de Marcos Payno e ilustracións de Sara López. Interpretación a cargo da Orquestra das Ánimas e con voces de Antón Reixa, Xurxo Souto, Ugia Pedreira, etc.
Editado por Xerais

Divertida obra de aventuras na que un neno ten que ir cazar ghazafellos a unha fraga e grazas que o acompaña o seu can Palleiro …. Segundo se vai lendo hai que ir escoitando determinadas cancións.

- Para Mozos/as e Adultos/as:

Editado por Sotelo Branco

Nunha cidade galega, un alcalde decide xuntar a catro escritores de fama internacional: unha autora de Afganistán, un británico, un colombiano e un holandés que ao mesmo tempo que participan nun proxecto para preservar os valores culturais, deberán escribir unha obra sobre esa cidade e provincia. Pero ao chegar ao hotel o escritor británico recibe unha enigmática mensaxe para acudir a unha cita a un cemiterio, alí fálanlle dun sacerdote que desapareceu hai anos e que tiña as claves que implicaban ao Goberno e á Igrexa no tráfico do ouro nazi procedente dos campos de exterminio alemáns…

Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

28/3/12

100% Celso Emilio: celebramos o ano do poeta de Celanova en Rialeda

Este 2012 será o Ano Celso Emilio Ferreiro, ano no que se conmemora o nacemento do escritor galego nacido en Celanova en 1912, que coincide ademáis co medio século de Longa noite de pedra, poemario guía do antifranquismo. Ao longo de toda Galicia sucederanse diversos actos para celebrar e divulgar a obra do poeta celanovés. A esta xeira de actos vanse sumar as Bibliotecas Municipais de Oleiros, con diferentes actividades. A Biblioteca Central Rialeda de Perillo súmase a estas celebracións cunha exposición bio-bibliográfica con obras de Celso Emilio, ou ensaios sobre a vida e obra do autor. Este autor foi tamén protagonista do Día da Poesía. Con este motivo propuxemos aos/ás nosos/as lectores/as e usuarios/as que participasen nunha actividade que consistíu en achegarnos unha palabra significativa a partir duns versos de Celso Emilio que lles proporcionamos. Nesta galería de imaxes podes ver algunhas das aportacións. Moitas grazas a todos/as os/as que participaron!!!




27/3/12

Novidades DVD Cine en Rialeda: 2ª quincena marzo 2012

13 novos títulos para rematar o mes
Achégate polo 2º andar da biblioteca ou consulta o listado online


Podes reservar algún título en caso de atoparse prestado, a través do catálogo
(necesario iniciar sesión)

Centenario Celso Emilio Ferreiro na Biblioteca de Mera

Na Biblioteca de Mera sumámonos aos homenaxes en torno á figura de Celso Emilio Ferreiro no ano do centenario do seu nacemento. Facémolo cunha mostra bibliográfica que pretende ser unha invitación, a todas as personas que o desexen, a achegarse á súa obra poética.


Nos seus versos , Ferreiro plasmou de xeito maxistral unha concepción do mundo crítica e solidaria que fixo del un poeta intemporal. En Oleiros, unha rúa da localidade de Mera leva o nome desta gran figura da literatura galega.

Rúas poéticas na Biblioteca de Santa Cruz

Na Biblioteca de Santa Cruz inaguramos a Rúa Celso Emilio Ferreiro, onde atoparedes información dabondo deste insigne poeta galego, autor  de Longa noite de pedra (1962), coa que se propuxo recuperar o realismo social da poesía galega do seu tempo, adopta un acento de protesta, acritud e despiadado sarcasmo, con versos ácidos e directos.

A continuación formando unha gran avenida, temos a Rúa Da Poesía, que poñemos a disposición de todos os/as usuarios/as para que enchan coas súas contribucións o Día da Poesía.

Traenos un verso ou unha poesía, un pensamento, unha frase para encher a rúa, podes traer as túas creacións ou podes usar os escritos de outros autores. Podes tamen envialas por e-mail a biblioteca.santacruz@oleiros.org


Día Mundial do Teatro na Biblioteca "Xograr Mendiño" de Lorbé

Desde o 23 ao 30 de marzo celebrarase na Biblioteca Pública Municipal "Xograr Mendiño" de Lorbé o Día Mundial do Teatro. Farase unha selección de fondos de teatro e sobre o teatro, animarase aos usuarios a lelos e levalos a casa. Os venres 23 e 30 de marzo, se hai voluntarios/as se lerá unha obriña de teatro. Darase especial importancia á obra de Carlos Casares, no décimo aniversario da súa morte, “As laranxas máis laranxas de todalas laranxas”.



"Contos contados con todas e todos" para o CEIP Luís Seoane de Mera

Continúa a XXI Campaña de promoción da lectura organizada polo Sistema de Bibliotecas Públicas Municipais de Oleiros. O venres 30 de marzo terá lugar a sesión "Contos contados con todas e todos" a cargo de Caxoto. Ás 10:30 participará o alumnado de 3º A e B de E.P. e ás 12:00 o alumnado de 4º A e B do CEIP Luís Seoane de Mera. Ambas as dúas sesións celebraránse na Biblioteca Pública Municipal "Rosalía de Castro" de Santa Cruz.

"Las ingeniosas del hidalgo" para o IES María Casares de Santa Cruz e "Contos marabillosos" para o CEIP Rabadeira

Dentro da XXI Campaña de promoción da lectura organizada polo Sistema de Bibliotecas Públicas Municipais de Oleiros, terá lugar o venres 30 de marzo ás 10:30 no IES María Casares de Santa Cruz o espectáculo titulado "Las ingeniosas del Hidalgo: el Quijote en voces de mujeres" da actriz, contacontos e fotógrafa Soledad Felloza. Nesta actividade participará o alumnado de 1º de bacharelato.

A través de varios monólogos curtos nos que dramatiza diferentes personaxes femininos da obra de Cervantes, nárranse diversos capítulos de “El Quijote” nos que as mulleres teñen un certo protagonismo:
- Quiteria, que en plena voda con Camacho o rico, recorda o seu amor a Basilio, o pobre.
- A pastora Marcela, na que destaca o seu discurso co que finalizaba as charlas cos seus namorados.
- Claudia Jerónima Cervantes, na que está personalizada a liberdade da muller, con límites tan amplos nos que cabe un erro tan grave como a morte.

Tamén o 30 de marzo, para o alumnado de 3º C e 4º B de E.P. do CEIP Rabadeira de Oleiros, terá lugar a sesión titulada "Contos marabillosos", na Biblioteca Pública Municipal "Manuel María" de Oleiros, a cargo de Soledad Felloza.

26/3/12

Tertulia literaria en Rialeda: mércores 28 de marzo (Grupo B)

Na Biblioteca Central Rialeda (Casiña de actividades)
Hora: 17,30 a 19,30 h.

Comentaráse a obra "La ladrona de libros" de Markus Zusak
Obras de Markus Zusak nas nosas bibliotecas

Contos de candil que ninguén cre para o IES Neira Vilas de Perillo

O mércores 28 de marzo terán lugar dúas sesións do espectáculo "Contos de candil que ninguén cre", para alumnado do IES Neira Vilas na Biblioteca Central Rialeda de Perillo. Ás 10:30 participará o alumnado de 1º da ESO e ás 12:30 recibiremos aos/ás alumnos/as de 2º da ESO. "Contos de candil que ninguén cre" será posto en escena por Ramiro Neira, e está inspirado en historias dos libros "A lús do candil", "Contos da néboa" e "Historias que ninguén cre" do autor lugués Ánxel Fole.

Contacontos para o CEIP Rabadeira na Biblioteca Municipal "Manuel María" de Oleiros

Contacontos para o CEIP Rabadeira de Oleiros na Biblioteca Pública Municipal "Manuel María" de Oleiros a cargo da Compañía do Trinke Trinke.
- Martes 27 de marzo, ás 10:10 os grupos A e B de 1º de E.P. escoitarán os "Contos de ratiños". Ás 11:40 tocarálle ao alumnado dos grupos A e B de 2º de E.P.
- Mércores 28 de marzo, ás 10:10 os grupos de 1º C e 2º C terán a sesión "A ratiña presumida e o ratiño presumido"

Homenaxe ao Irmáns Grimm na Biblioteca Municipal Rosalía de Castro de Santa Cruz

Na Biblioteca Pública Municipal Rosalía de Castro de Santa Cruz, para o alumnado do CEIP Luís Seoane e Isidro Parga Pondal.

Actividades dirixidas ao alumnado do CEIP Luís Seoane de Mera:
26 de marzo:
- Ás 10:10 horas, 6º A e B de E.P.
- Ás 11:20 horas, 5º A e B de E.P.
- Ás 12:30 horas, 4º A e B de E.P.
27 de marzo:
- Ás 10:10 horas, 2º A e B de E.P.
- Ás 11:20 horas, 2º C de E.P.
- ás 12:30 horas, 1º A e B de E.P.
28 de marzo:
- Ás 10:10 horas, 4º A e B de E.P.
- Ás 11:20 horas, 3º A e B de E.P.
 Actividade dirixida ao alumnado do CEIP Isidro Parga Pondal de Santa Cruz:
- Ás 12:30 horas, 1º A e B de E.P.

Obradoiro de Creación Literaria na Biblioteca Central Rialeda (5ª sesión): martes 27 de marzo


O día 27 de marzo, ás 18.30 horas, na Biblioteca Central Rialeda, terá lugar a 5ª sesión do Obradoiro de creación literaria impartido polo escritor e profesor Xavier Seoane
Está dirixido a mozas/os (a partir de 15 anos) e adultas/os, realizarase os martes e terá unha duración de dez sesións. 
As prazas son limitadas. É imprescindible inscribirse na biblioteca chamando ao teléfono 981 639 511 ou a través do correo electrónico biblioteca.rialeda@oleiros.org
Importante: esta actividade ten prezo público para as persoas non empadroadas no Concello de Oleiros.
É unha iniciativa da Concellería de Cultura de Oleiros e da Asociación de Escritores en Lingua Galega e con ela preténdese animar a escribir textos literarios mediante a manipulación de formas lingüísticas e a imitación de modelos expresivos da nosa tradición literaria, aos que podemos chegar mediante o xogo e a descuberta da nosa propia creatividade.

IMPORTANTE: A actividade realízase no 2º andar da biblioteca. Durante a mesma quedan fora de servizo os ordenadores da citada sala.