19/2/13

21 de febreiro: Presentación do libro "Banqueiros" en Santa Cruz


Centro Cultural As Torres de Santa Cruz
Ás 20 horas.

Presentación do libro “Banqueiros” da editorial Laiovento

O libro inclúe vinte pezas teatrais de Marcos Abalde, Xosé María Álvarez Cáccamo, Vicente Araguas, Afonso Becerra, Lino Braxe, Marica Campo, Santiago Cortegoso, Ánxeles Cuña, Lois Diéguez, Manuel Lourenzo, Zé Paredes, Xosé Manuel Pazos, Olivia Pena, Gustavo Pernas, María Xosé Queizán, Henrique Rabuñal, Vanesa Sotelo, Diana Varela, Fidel Vidal e Roi Vidal que nos ofrecen unha visión crítica do momento que estamos a padecer.

”O teatro e a xente que o fai posíbel non poden ficar indiferentes diante da crise, espolio ou atraco que estamos pois a vivir. Cédolles pois a palabra. Que se faga o escuro e que a verba máxica da linguaxe teatral nos ilumine e desperte as conciencias, afectadas polo virus da berlusconización. Teño a certeza de que as obras recollidas neste volume perdurarán bastante máis no tempo que esas indemnizacións millonarias que recibiron certos banqueiros que, como diría don Antonio Machado van apestando a terra “ di Francisco Pillado, director de Edicións Laiovento, home de longa experiencia no mundo cultural e particularmente no teatro. 

Xunto con el, contaremos coa colaboración de Diana Varela Puñal, poeta e dramaturga, quen dará lectura ao seu texto Lúa de mel. Nada en Corme (1981) e avogada de profesión, Diana Varela Puñal ten publicado os poemarios Fíos e Animal abismo (Espiral Maior) e o infantil As trovas de Midas (Galebooks). Participou nos libros colectivos En defensa do poleiro (Toxosoutos), 15-M: o pobo indignado (Laiovento) e Vivir un soño repetido. Homenaxe a Lois Pereiro (AELG). Asemesmo, recibiu os premios de poesía Díaz Xácome do Concello de Mondoñedo e Uxío Novoneyra do Concello das Pontes xunto co Premio Estornela para nenos 2012 pola obra “Arlequino Viceversa”. 

O acto, organizado polo Sistema de Bibliotecas Públicas Municipais do Concello de Oleiros e a Editorial Laiovento, será presentado por Esther Garrido Pan, Concelleira de Cultura e Normalización Lingüística.

No hay comentarios:

Publicar un comentario