9/10/13

Manuel Álvarez Torneiro, Premio Nacional de Poesía 2013: "Escribo contra o mundo e a favor da Vida. Como poeta, creo na utopía"

O escritor coruñés Manuel Álvarez Torneiro gaña o Premio Nacional de Poesía 2013 outorgado polo Ministerio de Educación, Cultura y Deporte pola obra "Os ángulos da brasa". Esta obra foi recoñecida anteriormente cos seguintes galardóns:
Premio da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega 2013. Poesía, Premio Ánxel Casal ao Libro de Poesía ou Teatro 2013 (Asociación Galega de Editores), Premio da Crítica de poesía en galego 2013 (Asociación Española de Críticos Literarios).
No vestíbulo da Biblioteca Central Rialeda (no espazo "Poesía ten o seu punto: exposición permanente de versos") podes visitar unha exposición bibliográfica adicada a este escritor.

"Nacín na cidade de A Coruña o día sete de xullo do ano 1932. Orfo de nai dende os tres anos. Asistín -irremediablemente- á escola fascista: crucifixo, retrato de Franco e regra que caía iracunda e de canto nas palmas das mans cando o castigo. Máis adiante cursei estudos na Escuela Superior de Altos Estudios Mercantiles na miña cidade natal. Despois de desempeñar varios traballos para axudar á economía familiar entrei a traballar no xornal La Voz de Galicia, onde pasei 25 anos.
Desde os 17 ou 18 anos, escribir poesía foi para min unha necesidade. Fun un dos fundadores do grupo poético "Amanecer" na década dos cincuenta. Os primeiros versos non pasaron de ser exercicios líricos en castelán para revistas que se publicaban en Madrid e en Barcelona.
Ata os 50 anos cumpridos non din ao prelo o meu primeiro poemario, Memoria dun silencio (1982). Logo, cada ano botei a andar un libro dos que non me arrepinto en absoluto.
Os antólogos sitúanme na Xeración das Festas Minervais, na primeira promoción da poesía de posguerra: os nados entre 1928 e 1942.
Hai na miña última produción un tema recurrente: a memoria, que dicta unha sorte de variacións sobre un só tema. Debo afirmar que creo no poder da palabra, nas potencias da beleza. Aínda escribindo en prosa sempre remato caendo polo escotillón da lírica que procuro afinada ó máximo.
Escribo contra o mundo e a favor da Vida. Como poeta, creo na utopía".


PARABÉNS MANUEL!!!

No hay comentarios:

Publicar un comentario