28/6/13

Recomendacións en Radioleiros: 28 de xuño

- Infantil (de 10 a 12 anos):
"As desgrazas de Sophie" de Valérie Dayre en SM-Xerme.
Un día cando voltan á casa, Félix, o fillo de Sophie pídelle que lle conte algo que lle fixese crecer. Esta decide que en vez de contestarlle con frases feitas que lle parecen bastante inútiles, escribirá para el unha pequena historia que lle sucedeu a ela mesma anos atrás cando só era unha nena e foi pasar unhas vacacións na compaña da súa nai a casa de tía Cora e dos seus curmáns Grégoire e Violaine. O tema principal da obra é a violencia exercida polos outros pero que ás veces a nosa propia indiferencia nos fai ser cómplices.
Libros como este desminten aos/ás que afirman que a literatura infantil e xuvenil é edulcorada e intrascendente. Atopámonos ante unha obra capaz de crear lectores-as e de poñer de relevo un dos conflitos máis inquietantes da nosa sociedade, o da violencia de calquera tipo.
- Mozos-as e adultos-as:
"Nada" de Janne Teller, editado por Seix Barral.
Publicado no ano 2000 en Dinamarca, causou moita controversia e acendidos debates polas dúbidas existenciais que plantea, incluso foi prohibido en Dinamarca por considerar que a súa lectura podería ser perniciosa para un público xove. Sen embargo, un ano máis tarde, gañou o premio ao mellor libro do ano do Ministerio de Cultura danés e hoxe é libro de lectura recomendada nos institutos de Dinamarca. A narración comenza cando Pierre Anthon deixa o colexio porque descobre que nada nesta vida ten sentido. Sóbese a unha ciroleira e clama a gritos desde alí as súas razóns para pensar que nada importa.
Este libro non só provoca emocións senón que tamén perturba interiormente a quen o le, como xa o fixo no seu momento outro libro “Tenemos que hablar de Kevin” ou o film “La ola” e é que as veces sacudir a conciencia e pararse a pensar nos porqués, é importante e necesario, aínda que dea medo.
Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.