12/7/13

15 e 16 de xullo: peche de Rialeda por reorganización da colección

O luns 15 e o martes 16 pecharáse ao público a Biblioteca Central Rialeda por traballos de reorganización da colección.

Os préstamos cuxa data de remate coincida cos citados días entenderánse ampliados ata o día 17 mércores.

Pregamos desculpen as molestias ocasionadas. Grazas.

Recomendacións en Radioleiros: 12 de xullo

- Infantil (menores de 10 anos):
"Bicos de música" de Mamá Cabra. Ilustracións de Kristine Sabaite, editado por Galaxia.
Libro + CD + DVD con cancións dirixidas a nenas e nenos. Formado por 10 cancións, das que algunhas son letra e música de Gloria Roel, ou de adaptacións de cancións infantís, tradicionais ou tamén doutras autoras. É unha publicación para ler, escoitar, cantar, bailar e aprender. Un traballo recente do Grupo Mamá Cabra que fará as delicias dos máis pequenos.
- Mozos/as e adultos/as:
"La bibliotecaria de Auschwitz" Antonio G. Iturbe, en Planeta .
Trata sobre a extrema dureza e o horror da vida nun campo de concentración nazi e a escola clandestina que formaron como maneira de escapar da realidade. Este libro xurde a raíz dos feitos reais que o autor coñeceu ao ler “La biblioteca de noche” de Alberto Manguel, na que describe unha pequena biblioteca no campo de concentración de Auschwitz. Ese foi o inicio para que comezase a investigar sobre ese caso, polo que a
novela parte de feitos reais contados pola propia protagonista, pero hai nomes e apelidos de personaxes que foron cambiados. Inspirada na historia real de Dita Polachova,  unha adolescente checa de 14 anos, que foi levada, xunto coa súa familia, a este campo de concentración e que se converte na bibliotecaria que custodiaba os libros nun lugar onde estaban prohibidos. Esta obra é unha homenaxe a  ela. Está moi ben documentada, a súa lectura a veces estremece, pero ao mesmo tempo podemos ver como nun lugar onde impera a brutalidade e a inxustiza, a través dos libros e por uns momentos, os nenos e nenas que asisten a esa escola poden escaparse da realidade e facer voar a súa imaxinación. 
Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

8/7/13

Poesía ten o seu punto

"Poesía ten o seu punto" é un novo espazo expositivo da Biblioteca Central Rialeda. Trátase dun lugar estable de exhibición de obras poéticas situado no piano que focaliza a mirada dentro do vestíbulo da biblioteca: obras de autor-a, compilacións cronolóxicas, xeográficas, creacións poéticas de todos os tempos, edicións bilingües co idioma orixinal e a versión ao galego ou castelán, etc. Este punto de encontro de libros de poesía é unha escolla de entre os aproximadamente 1600 volumes de poesía que existen na Biblioteca Rialeda, libros que se poden levar en préstamo para casa. Esta "exposición permanente de versos" é asiduamente actualizada con libros de poesía recén chegados á biblioteca, escolmas de autor-a con motivo dalgunha conmemoración, visita á biblioteca ou presentación dalgún libro, etc. Paga a pena achegarse a este piano e escoller un libro para ler demoradamente a musicalidade das estrofas. 
Como a poeta Pura Vázquez dixo "Os poemas son os cantos da vida, 
                                           os que nos din que estamos ainda vivos, 
                                                                   o canle da memoria e do sentimento"