7/3/15

8 de marzo: Día da Muller en Bibloleiros

Eis as actividades de Bibloleiros para conmemorar o Día da Muller!
 - Ler en feminino
Nas oito bibliotecas municipais queremos conmemorar o Día da Muller cunha homenaxe a todas as escritoras, polo que se realizan exposicións de libros denominadas Ler en feminino, formadas por seleccións de obras escritas por mulleres, de literatura galega, española e universal. Trátase de escollas levadas a cabo en cada unha das bibliotecas e que estarán constituídas por obras clásicas xunto con outras recentes. 

- Rosalía é mundial
Ademais, na Biblioteca Central Rialeda esta exposición completarase cunha mostra bibliográfica especial dedicada á insigne escritora galega Rosalía de Castro titulada Rosalía é mundial  na que se presenta unha escolma da obra rosaliana.   

- O cómic en feminino
Igualmente, na Biblioteca Central Rialeda esta exposición de Ler en feminino ampliarase coa sección de banda deseñada, polo que se mostrará unha escolla de cómics escritos ou ilustrados por mulleres.

- Reto 2015
Reto 2015 é unha actividade que se vai levar a a cabo na Biblioteca Municipal e Centro de Documentación da Muller Rosalía de Castro de Santa Cruz, na Biblioteca Mª José Ruso de Dorneda e na Biblioteca Xograr Mendiño de Lorbé. A Biblioteca Rosalía de Castro ten unha sección especial de libros escritos por mulleres ou con temáticas dirixidas á muller, pero que ademais posúe un centro de interese onde recomendan “libros escritos por mulleres que non podes deixar de ler”. 
Reto 2015 propón ler a 15 autoras diferentes, sen importar a súa nacionalidade, idioma, ou xénero literario, desde o 8 de marzo ata o 31 de decembro deste ano.
As persoas que desexen participar deben apuntarse nestas bibliotecas ao reto e ao final do ano sortearase un lote de libros, entre todas e todos os que consigan finalizalo.
Haberá dúas seccións diferenciadas:
RETO para menores de 15 anos, con libros infantís e xuvenís escritos ou ilustrados por autoras e RETO para maiores de 15 anos, con libros xuvenís e para adultas/os escritos por mulleres. 

- Contos en feminino: contacontos para adultas/os
Para rematar o mes de marzo dedicado á muller, o xoves, 26 de marzo, ás 19:30 horas, no Teatro As Torres de Santa Cruz levarase a cabo a actividade denominada “Contos en feminino: contacontos para adultas/os” na que participarán as contadoras Soledad Felloza, Fátima Fernández e Charo Pita contando contos para persoas adultas. Serán contos en feminino de diferentes temáticas, uns baseados na tradición popular galega e outros traídos doutras culturas.
Con todas estas actividades, organizadas desde as Bibliotecas Municipais de Oleiros, deséxase conmemorar o Día da Muller e reivindicar a igualdade da muller co home na sociedade actual.


No hay comentarios:

Publicar un comentario